X Gala do Deporte de Ames

O Concello de Ames está a ultimar os detalles da Gala
do Deporte de Ames, que cumpre este ano o seu décimo aniversario. Por
primeira vez os nomes dos premiados e premiadas non se darán a coñecer
ata o momento mesmo da celebración do evento. Os premios serán
entregados polos galardoados e galardoadas da anterior edición. A Gala,
que será presentada polos xornalistas Terio Carrera e Diego Viaño,
celebrarase o sábado, 30 de xaneiro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura
do Milladoiro. Neste evento recoñeceranse carreiras de longa
traxectoria, aquelas que están a despegar ou a labor que realizan os
clubs deportivos amesáns.

Moncho Fernández, actual adestrador do Obradoiro CAB,
e veciño de Ames será o padriño desta nova edición. O Concello contará
tamén cun representante da Secretaría Xeral de Deportes e coa presencia
de José García Liñares, Deputado provincial de Deportes, que acompañarán
ao alcalde e ao resto de autoridades locais amesás. Nesta ocasión
especial o Concello quixo que os gañadores e gañadoras da edición
anterior entregasen os premios. O alcalde de Ames, e concelleiro de
Deportes, José Miñones confirmou “a presencia de case todos os premiados
do ano pasado ,queremos que eles tamén tomen o protagonismo necesario
na Gala deste ano”.

Os usuarios/as das escolas deportivas
amesás e diversos clubs ofreceranlle ao público unha pequena mostra dos
deportes que practican diariamente. A escola de ximnasia rítmica vén
preparando un número especial para este aniversario e deportes como o
patinaxe, o xadrez, o tenis ou o baloncesto tamén terán reservado o seu
espazo. José Miñones afirma que esta é a forma que ten o Concello de
“aproveitar a gala para recoñecer a labor dos clubs, as entidades ou as
escolas deportivas en prol da promoción do deporte”. Moi importante,
destaca, nun concello como Ames, debido ao “perfil tan xoven da súa
poboación”.

Haberá tamén, ao longo da tarde, sitio para a
música e o audiovisual. A proxección de vídeos animará unha Gala do
Deporte que contará, ademais, cunha actuación en directo da Escola de
Música Municipal, que aporta así o seu gran de area a este
acontecemento.
Xogadores profesionais en activo e destacadas promesas amesás do deporte
Os
invitados e invitadas á X Gala do Deporte de Ames acoden por primeira
vez coa incerteza de saber se serán eles ou elas os premiados. O alcalde
de Ames indica que o Concello trata así de “facer partícipes da Gala a
todos os deportistas, asistindo ao evento sen nin tan sequera saber si
gañarán ou non, pero permitindo que tamén se recoñeza o traballo
daqueles que están nominados a pesares de que finalmente non sexan os
gañadores”.

Belén Fernández, futbolista, e Covadonga Marín,
xogadora de billar, optan ao recoñecemento á deportista feminina
destacada, mentres que Carlos Cornes, xogador de squash, Pablo
Hernández, baloncestista e Guillermo Carracedo, deportista de paddle
surf a nivel nacional, optan ao premio homónimo na categoría masculina. O
piragüista Gabriel Martínez, o futbolista Pablo Porrua e o xogador de
squash Arón Astray son os nominados que optan ao premio á mellor promesa
masculina destacada, mentres que a atleta Degnesh María Mato, as
patinadoras Antía Vicaya e María Torre, a xogadora de tenis de mesa,
Belén Calvo, e a xogadora de squash, Julia Noya, optan ao mesmo premio
na categoría feminina.

O Club Voleibol Bruxas Sénior, que
compiten por quinto ano consecutivo na máxima categoría autonómica, os
cadetes do Bertamiráns FC ou o equipo infantil Ribeiras do Tambre de
piragüismo, trala súa magnífica tempada en 215, optan ao premio ao
equipo máis destacado dun club amesán. Ademais, un de entre os 29 clubs
nominados este ano, será merecedor do recoñecemento ao club deportivo
máis destacado de Ames.

Ramón García “Chechas” e Julio Lamas
“Villa” optan ao recoñecemento especial polas súas destacadas carreiras
futbolísticas no municipio amesán. O primeiro leva sendo futbolista
federado dende fai 37 anos e, tras militar en diversos equipos amesáns,
xoga actualmente no Bertamiráns CF. O segundo abandonou o campo de
fútbol tras xogar no UD Bastavales, no Bertamiráns DC e no Ortoño CF,
pero non deixou de apoiar o deporte converténdose en directivo e
delegado deste último equipo.

Un premio máis será outorgado
durante a Gala. Será o premio de recoñecemento a unha entidade non
deportiva polo seu apoio ao deporte amesán. Este galardón recaerá, nesta
ocasión, en GADIS, polo soporte e axuda que ofreceu aos eventos
deportivos amesáns que se desenvolveron ao longo do 2015 e cos que a
entidade colaborou aportando alimentos e bebidas. 

 http://concellodeames.gal

Comments

comments

Deja un comentario

A %d blogueros les gusta esto: